Entrevista de carreiriña

A propósito de correr e de carreiras non son poucas as veces que me teñen feito as preguntas que veñen a continuación ou outras parecidas. Como son diésel para todo, de reaccións lentas, adoito quedar bloqueado e non sei que dicir. Pero hoxe, lendo a entrevista que lle fixeron á campioa Emelie Forsberg no boletín do diario El País La zancada, non puiden evitar ir contestando mentalmente a esas mesmas preguntas nunha sorte de exercicio nosce te ipsum. Agora xa sei a lección e a vindeira vez que alguén me pregunte saberei que responder.

Empecei a correr porque... 

Podería dicirse que foi unha cuestión de saúde e de peso. Empecei a correr de xeito máis ou menos organizado a finais de 2017 como evolución natural dunha traxectoria que empezara no outono de 2016, cando tocara fondo e chegara a pesar 106 kg.

Apuntárame un ano antes a spinning no ximnasio e pouco a pouco fun perdendo peso. De feito, a finais de xaneiro de 2017 pesaba 102 kg... e a mediados de outubro do mesmo ano, en pouco menos de nove meses, xa pesaba só 83 kg. Eses progresos animáronme a botarme a correr. Tíñao tentado varias veces ao longo da vida, pero a chama nunca prendera e o de querer correr con regularidade pero non ser quen de crear a rutina e o gusto chegara a convertirse nunha especie de frustración que levaba comigo, chegara a ser unha especie de elemento da miña bucket list que quería cumprir.

Non sei dicir  a que se debeu, pero desta vez, con constancia e pasando por todo tipo de dores, si que conseguín engancharme a correr. Hai algo —un algo que non sei explicar ni describir, un je ne sais quoi, un clic— que a cada un lle chega cando lle chega e que procede do propio interior, con frecuencia sen sabermos que o activa, que o dispara... e que é inútil proporlle nin solicitarlle a ninguén un troco dende fóra: ou sae dun, ou non che hai nada que facer.


Correr en silencio o con auriculares?

 

Depende. Se vou acompañado, estou nunha carreira ou se vou correr coa cadela, por suposto sen auriculares. Hai que estar ao que hai que estar.

Se vai un só non é mala idea levar música e, se cadra, unha solución sería levar auriculares de condución ósea, que non che illan da contorna. Hai quen leva podcasts ou vai escoitando diferentes programas de radio, pero se eu fago iso nin me concentro no que escoito nin me concentro na carreira. O que si que non aturo son eses que levan música a todo trapo con altofalantes. Unha vez mesmo tiven a mala sorte de aturar a un deses nunha proba de trail. Pareceume unha falta de respecto aos demais participantes e toda unha contradición estar polo monte da Groba adiante, no medio da natureza, e ir causando o que sen dúbida era contaminación acústica. Nestes casos, igual que cando me cruzo con algún xordo destes pola rúa, o pensamento que me vén a cabeza é «ti non podes escoitar a música que levo eu, verdade? Entón por que demo teño que aturar eu a túa?».

 

O meu adestramento favorito é...

 

Creo que o longão dominical, a long run, xeralmente na fin de semana ou en festivo, a ritmo moderado, que permita ir parolando cos compañeiros, se cadra con algún arreón cara ao final para espreguizarmos as pernas. Que supere os 15 km e, se pode ser, que chegue polo menos aos 21. Case dúas horas de gozo.

 


A miña carreira favorita é...


‌Home, non é que coñeza moitas, pero polo ben organizada que está sempre, polo ambiente, e polo percorrido á beira do mar, quédome coa de casa, claro, coa Vig-Bay. Tamén me gusta moito a Meia Maratona Sunset de Caminha e, noutra distancia e modalidade, paréceme moi divertida a contrarreloxo por equipos que se fai a principios de marzo pola zona da Estación Marítima e As Avenidas en Vigo. E téñolle un agarimo especial á Invasión Celeste por dous motivos: porque a organiza o Celta e ten a meta dentro do estadio, claro, e porque foi a primeirísima carreira na que participei e que me serviu moito para animarme a perseverar nisto de correr.

Das que hai polo mundo adiante (as carreiras portuguesas evidentemente considéroas locais e propias a tódolos efectos) ou as famosas majors a única que me chama algo é o maratón de Londres. Para as demais, dáme moita preguiza pensar nos preparativos, na intendencia, o jetlag e toda a pesca.

 

Se só puidese competir nunha distancia sería...

 

Sen dúbida, nos 21 km do medio maratón. É a distancia ideal para min. Nin curta nin longa. Pouco máis de hora e media e arreando para a casiña. Todo depende do obxectivo que teñas e do ritmo que leves, claro, pero non te leva na agonía continua dun 5 k ou dun 10 k, nin supón a esixencia mental e física brutais que demandan os 42 km do maratón completo.

Teño a opinión firme de que absolutamente calquera persoa pode correr, tras un período mínimo de preparación, claro, un medio maratón; pero tamén estou convencidísimo de que co maratón é outro conto e que aí xa non todo o mundo é quen de completalo. Xa hai que ter algo máis, un plus, en especial no plano mental.


Correr só ou acompañado?

 

Acompañado. E afírmoo agora así de categórico porque penso nos meus partners in crime, nos meus compañeiros de fatigas e amigos Richi e Edu. Son unha motivación. Son bastante mellores ca min e sen eles pretendelo fórzanme a mellorar e, sobre todo, porque son unha compaña excelente, inmellorable, dende o punto de vista humano. Non poden ser mellores rapaces: pacíficos, xenerosos, positivos, pacientes... Non lles podo estar máis agradecido por tantos quilómetros xuntos.

 

Cando corro, penso en...

 

Pois a verdade é que en todo e en nada á vez. Son tantísimas horas de adestramento, van tantísimos quilómetros, que hai tempo para todo. Mediante o monólogo interior, o famoso stream of consciousness,  teño arranxado o país varias veces (nas miñas carreiriñas teño visto cousas moi claras que non son verdade); tiven ducias e ducias de discusións e debates apaixonados con interlocutores imaxinarios e tamén comigo mesmo; teño aprobado e derogado varias leis de educación; teño dimitido do meu choio en infinidade de ocasións; teño despedido a algunha que outra coworker (ollo á miña escolla completamente voluntaria do termo: elixo coworker e non compañeira porque eu son un profesional capaz de traballar con calquera, pero xa vos teño unha idade, dignidade e goberno como para rebaixarme a compartir o pan  con pan > compañeirocunha cualquera), e teño desencallado e resolto moitísimos problemas.

 

Correndo chega un a ter moitos momentos de iluminación e clarividencia, así como de suspension of disbelief e realismo máxico; e tamén incontables minutos tanto de transfiguración mística, asunción, elevación do espíritu e nirvana, como de agonía, afogo, taquicardia, apnea, angustia e dor...

 


O meu lugar favorito para correr é...

Ah, aquí teño a resposta clarísima: A Ramallosa, tanto dende a ponte románica cara a cabo Silleiro como cara á Panxón, Monteferro e mesmo pola Estrada da Vía ata Mide, ou ata Gondomar e volta.

 

Estou convencido de que vivimos no paraíso. Temos este carril bici que vén dende Vigo pola Estrada da Vía e que chega ata A Guarda que é unha marabilla, un privilexio. As vistas son fermosísimas, os solpores inigualables... quen dá máis? E se quero pistas de terra ou algo de monte, teño o monte da Groba, Monteferro, o Galiñeiro ou as pistas e corredoiras de Portavedra e San Cibrán e mesmo podemos chegar ata Vilachán do Monte e o alto da Pedrada, xa no concello de Tomiño, cun panorama en 180º que abrangue dende a Serra do Galiñeiro e o Aloia ao nordés ata o Trega e A Guarda no suroeste, percorrendo os derradeiros quilómetros do Miño por Tui, Tomiño, Goián, Vila Nova de Cerveira, etc. Es-pec-ta-cu-lar.

O que menos me gusta de correr é...

Se cadra, a previa, os preparativos antes de saír a correr.
Aí si que me entra algo a preguiza. Vestirme, o quecemento, etc.; e, sobre todo, os 3 primeiros quilómetros. Parece mentira, pero corro os 21 km dun medio maratón e cústanme bastante máis os de quecemento e mailos 3 primeiros quilómetros da carreira cós 3 últimos.

E o que máis me gusta de correr é...

 

A satisfacción, as endorfinas, a sensación de liberdade, de ausencia de cargas e responsabilidades. Si, creo que todo se pode resumir nunha palabra: liberdade. E, por suposto, de xeito colateral, os beneficios posteriores para a saúde, o ben, o forte, o san e o lixeiro que se sente un.


Despois dunha competición ou un adestramento longo, gústame comer...

Non son moi maniático nin caprichoso. E máis que fame o que me entra é sede. Se ten sido unha carreira longa abondo como para facer unha carga previa de carbohidratos e para tomar xeles durante a carreira, como un medio maratón ou maratón completo ou un triatlón de media distancia (e xa non digamos se levo varias semanas de control e moderación alimentaria), adoito estar farto de sabores doces, así que devezo por algo salgado que me levar á boca... patacas fritidas, froitos secos salgados e petiscos así polo estilo. Por exemplo, trala Maratona de Aveiro do domingo pasado, xa era a hora de xantar e tomei unha lasaña vexetal cuns pasteliños de bacallau e bebín unha caneca de cervexa... nada tolo, ningún exceso.

Porque podo

Comentarios