Se a semana pasada deixaba por aquí os consellos do gran Matt Rees para o maratón de Londres do domingo pasado; toca hoxe reproducir o vídeo de motivación que outro sacrificado e constante non elite runner —como a el mesmo lle gusta calificarse—, Michael Kofuzi, comparte con todo o mundo de cara ao maratón de Chicago do vindeiro domingo 9 de outubro.
Chegará un momento nesta carreira, se cadra alá polo quilómetro 30, se cadra polo 32, pero ha chegar un intre no que te queiras render. Renderse pódese render un de moitos xeitos. Pode ser algo tan radical como saíres do circuíto e non rematares a carreira ou, se cadra, algo tan sutil coma un troco ao teu plan B, pero, sexa como for, renderse é renderse.
Mais Chicago non é lugar para plans B. É unha cidade sen espazo para plans cativos porque carecen da maxia que inflama o sangue dos homes. Aquí facemos os plans ao grande e apuntamos alto cheos de esperanza.
Daquela, cando esa voceciña empece a bisbar aló no fondo da túa mente que se cadra hoxe non é o teu día, acálaa e prepárate para o que che queda. Haberá momentos nos que esta carreira che causará dor, pero a dor da fatiga é completamente normal e entra dentro do esperado nas carreiras. Noutras palabras: a dor non é máis ca un dato, coma as pulsacións ou o ritmo, e deberías contar con ela do mesmo xeito que contarías con suar.
A dor da fatiga é o sinal de que estás a facer ben as cousas. Se sofres cara ao final da carreira, non te asustes: así é como se supón que te tes que sentir.
Así que, aínda que che doa, sigue adiante. Non
te rendas. Tes o apoio dos amigos, da familia e dos outros corredores.
Aliméntate da enerxía das multitudes. Podes acadar metas imposibles con tal de que non te rendas.
Comentarios
Publicar un comentario